23 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO
O pasado 23 de febreiro, xustiño ao regresar das vacacións de Entroido, celebramos o Día de Rosalía, no que lembramos e festexamos a data do seu nacemento, un 23 de febreiro do ano 1837 en Santiago de Compostela. Morreu en Padrón, o 15 de xullo de 1885.
Foi, é e será sempre a escritora e poeta máis querida e icónica das nosas letras. Sen as súas aportacións, a nosa literatura non sería a que é. Asemade, é a figura máis representativa do Rexurdimento Galego (etapa cultural galega que xurdiu no século XIX e que tivo como característica máis salientable a revitalización da nosa lingua como medio para a expresión social e cultural, despois dun período moi longo de ostracismo e escuridade).
Entre as súas obras máis destacadas, podemos citar CANTARES GALLEGOS (publicado o 17 de maio de 1863); FOLLAS NOVAS (publicado no ano 1880) e EN LAS ORILLAS DEL RÍO SAR (no ano1884); entre outras. Foi precisamente "Cantares Gallegos" a que deu lugar aló polo ano 1963 ao noso primeiro DÍA DAS LETRAS GALEGAS, que celebramos precisamente un 17 de maio para conmemorar a publicación desta obra literaria tan importante da nosa Rosalía.
Así que nós, para rendirlle a súa ben merecida homenaxe, decoramos o noso pequeno Recunchiño do Tren da Biblio de Librincios na súa honra para que leve a todas as casas do cole as verbas desta galega que sempre ocupará un lugar principal na nosa literatura.Librincios anímavos a desfrutar destas marabillosas obras cheas de airiños da nosa terra!
Ningún comentario:
Publicar un comentario