Hoxe arrancaron as actividades do mes da poesía e do libro cunha choiva de poemas.
É xa unha tradición no noso Centro esta particular molladura de cores, rimas, versos, estrofas... que gusta a grandes e pequenos.
Desta vez, a caída de centos de globos inaugurou a primeira de moitas actividades que se van realizar arredor da poesía e dos libros ao longo do mes de abril.
Todos agardaban impacientes o momento da choiva de globos e todos correron entusiasmados a buscar un para explotalo e poder ler o poema agochado nel.
A continuación, xuntámonos no Salón de actos para a lectura de distintas adiviñas, coplas, sonetos... Todos aqueles que quixeron compartir en voz alta a súa poesía, puideron facelo ante un público entregado.
Para rematar, entregáronse as Maletas de poesía, coas que as aulas teñen previsto realizar multiples actividades para fomentar o gusto por este xénero literario que xa conta con moitos adeptos entre os nosos usuarios.
Entre o resto de actividades previstas haberá un Concurso de poesía para todos (consultar aquí as bases) e un Recital poético durante a Hora de ler.
Felices lecturas rimadas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario